Queres unirte ao teleclube?

Posts publicados en Outubro de 2007

O estado das cousas

 

“É estupendo permitir que os usuarios se expresen cos nosos contidos”.

Jason Killar, director executivo de Hulu.

A televisión pouco a pouco cae da burra. Ata tal punto que dous competidores directos como NBC (General Electric) e FOX (News Corporation) sacan adiante un proxecto con intención de ser xigante. A idea de HULU é poñer a disposición dos internautas os contidos destas canles para que sexan distribuídos en blogs, correos electrónicos, enlaces ou o que sexa, e competir co Youtube como se youtube fose só un servicio de vídeo. Hulu presume de ter cartos, medios, contidos de calidade, e resolución para poñer nun plasma e flipar. O único que lle falta é convencer a Disney (ABC) e algunhas máis para que vendan os seus programas ao proxecto Hulu. ABC ten intención de facer importante o seu portal (abc.com) colgando alí vídeos en alta calidade, e a CBS está con AOL.com e Joost, unha televisión online entendida como tele á vella usanza, con canles, moita publicidade e entretemento ao estilo da MTV de hoxe. De feito, sería a plataforma ideal para a MTV, e esa cousa que quere sacar adiante entendido como multiplataforma de entretemento, un concepto moi fácil de vender a un directivo pero unha carallada para o espectador.

Halloweentube

Youtube, que sabe que cada vez lle saen competidores máis avanzados (como stage6), está trabajandoenellou. Promete que, en breve, os seus vídeos poderán verse en pantalla completa e así facer realidade o soño do internatua. Youtube ten dúas vantaxes nesta carreira de obstáculos que explotará no 2008:

1. É máis ca unha marca. É un concepto televisivo entendible por calquera cidadán do mundo. Todos os novos compáranse con Youtube para decir que son máis guapos, máis altos e máis ricos, pero cada vez que un competidor se compara contigo é que está mirándose no teu espello.

2. O éxito de youtube non está tanto no servicio de vídeo por internet senón na web 2.0. O youtube triunfa en vídeos curtos e, sobre todo, que non se verían se non existise. Todas as televisións para internet do futuro non deixan de intentar trasladar o seu modelo de negocio a internet no canto de crear un modelo novo, como fixo o noso querido youtube.

Killar ten razón na súa afirmación: o estupendo é “permitilo”, porque o outro xa o facíamos desde que existe Youtube, aínda que nos dicían que era pecado. A min agora sáeme esto para expresarme:

Actualización: O blog de hulu di que esta semana empezarán a distribuír contidos cos seus socios: AOL, Comcast, MSN, Myspace e Yahoo.

As setenta

Mentres agardaba a que unhas visitas marchasen prá cama e me deixasen durmir na sala, estiven vendo un pouco póquer na Five (unha canle privada xeneralista analóxica en aberto). E pensei, por que non retransmitir na TVG campionatos de tute subhastado? Identifiquei algúns problemas pra que os tanques de pensamento lle dean ao caletre:

  • Rei de ouroso póquer, na versión que se xoga prá TV, é bastante lento. Repártenselle dúas cartas a cada un dos xogadores, que miran e pousan sobre un vidro transparente, cunha cámara debaixo. Así os telespectadores coñecen todas as mans. Fan apostas, a banca saca tres cartas comúns pra que eles liguen, fan apostas de novo, e a banca saca dúas cartas máis. É un proceso lento (uns 3 minutos de xestos), onde só interveñen 13 cartas como moito (catro xogadores + banca). E ademais as cartas poden ser vistas na mesa mediante o cristaliño.
  • existe un circuíto de póquer, o Grosvenor, na vida real, que funciona como un enganche: se houbese un Subhastado Galicia Tour que fose polas vilas seleccionando campións e campioas, ver despois uns paisanos barallando diante das cámaras podería resultar máis interesante.
  • o póquer ten unha importante presenza no mundo virtual: o negocio do póquer en rede move moita pasta de nososeñor, e é un patrocinador xenial prás retransmisións televisivas.

Agora só hai que crear as solucións…

Queres que aposten por ti?

Dragon’s DenSó tes que demostrar o que valen os teus proxectos. O programa Dragon’s Den, da BBC, conseguiu a incríbel forma de combinar emprendemento empresarial, realiti, e que ademais sexa moooi divertido. Cinco investidores privados teñen unha certa cantidade de diñeiro pra meter en proxectos (mormente inventos) que lles enchan o ollo. Os inventores compiten por convencer uns implacábeis investidores que, loxicamente, lles fan todo tipo de preguntas, moitas delas esmagadoras, sobre a viabilidade do proxecto: teño fontes que din que eses experimentos de baleiro xa se conseguiron en Xapón hai dez anos, é verdade? posúe vostede a patente pró mercado internacional? e quen diaño querería un motor eléctrico que funcionase con cacao? E os investidores, ademais, compiten entre eles porque, claro, queren facerse ricos, e botan farois, e pican os outros pra que aposten todo por unha máquina pra limpar sandalias.

Posted in UK | 1 Comentario »

Pescando a Nemo

publicado o Martes, 23 de Outubro, 2007 por orsinia

Pescando a Nemo

Cando o peixe está no prato non nos dá pena ningunha, pero vendo estas imaxes colgadas no Stage6 por un tal miguelp véñennos á cabeza Nemo, o comandante Cousteau e a nosa primeira visita ao Acuarium Finisterrae. Para os que nunca fixemos pesca submariña, esta serie de videos da vida (e morte) na baixura galega, cunha estupenda calidade de imaxe e audio, fannos sentir coma se estiveramos aló abaixo. Paseando pracidamente entre sargos, róbalos, xoubiñas e estrelas de mar… ata que ¡zas! intervén o harpón.

Posted in Rede, TV galega vista dende o mundo | 1 Comentario »

O blog de Alalá

publicado o Martes, 23 de Outubro, 2007 por orsinia

Alalá

Atopeino de casualidade despois de que Cesare me falase do blog de Mil Ribeiras. Son as dúas incorporacións blogueiras deste ano no que á CRTVG se refire, e dámoslles calurosa benvida. O de Alalá ten todo o que ten que ter: contido de sobra ordenado temporalmente, información de cada programa e enlace para repescar os programas vellos. Non lles pedimos máis, só que outros programas bulan un pouco tomando o exemplo.

Posted in TV galega vista dende o mundo | Sen Comentarios »

O home de Neda

publicado o Xoves, 11 de Outubro, 2007 por orsinia

George A. Romero

«Creo que alguna vez vino a ver a Ferrolterra a dos de sus tías, que ya están muertas, pero esto no lo podría confirmar»

Guillermo Escrigas, curmán da nai do artista e flamante director do CGAI.

Seguir lendo »

Posted in TV galega vista dende o mundo | 5 Comentarios »

Pon a túa vila a plan

publicado o Sábado, 6 de Outubro, 2007 por orsinia

villageonadiet.jpg

Unha vila de Langenthal, no cantón de Berna, protagoniza un docu-soap no que 550 veciños teñen como obxectivo baixar 3 toneladas e media nas semanas que dure o programa. E para iso terán que pasar diferentes probas físicas e sicolóxicas, ademais de convivir co equipo da televisión, que acaba tendo unha complicidade con eles total, e iso quizais sexa o máis bonito desta historia. O resultado puido verse a primavera pasada na SF1 cun gran éxito. E, igual que aquí os realities teñen confesionario ou cámara diario para que os concursantes deixen alí as súas miserias, en “Village on a diet” teñen frigocámara, e está moi ben.

frigocamara1.jpgfrigocamara3.jpg

frigocamara5.jpgfrigocamara4.jpg

Posted in Suíza | Sen Comentarios »

Youtube é gratis

publicado o Venres, 5 de Outubro, 2007 por orsinia

Ter unha canle en Youtube non custa nada. Refírome a cartos. Colgar vídeos alí leva pouco tempo. E facelos, para unha produtora ou canal de televisión xeralista, non debería ser un problema. Por iso, porque é gratis (la pela es la pela, pero anque non fora), a Televisió de Catalunya non ten inconveniente en colgar os vídeos que fagan falta para promocionar os seus programas-estrela. Non miro a ninguén, pero non é tan difícil tomar exemplo.

http://www.youtube.com/watch?v=ijjYRQNT1hE

Nin, insisto, tan caro.

http://www.youtube.com/watch?v=DLb1LjqXLFw

Por outro lado, vin algo da estrea da Masía e pareceume máis aburrida cá nosa casa. Pero claro, en catalán non se pillan todos os matices.

El cortijo 1907El cortijo 1907

En andaluz directamente non se pilla nada.

Posted in Outras autonómicas, Rede, TV galega vista dende o mundo | 2 Comentarios »