O milagre Pocoyó
Moita xente di que a maioría da televisión parece estar feita para (ou por) nenos de 2 anos. Pero o certo é que hai moi poucos programas para nenos de 2 anos, esa idade na que os cativos empezan a falar e a recoñecer as cousas e darlles nome. Dende a aparición dos Teletubbies hai unha década non coñecemos outro fenómeno global preescolar semellante ata a chegada de Pocoyó. Se aínda non sabes del é que 1) non tes nenos pequenos, 2) non les a sección de economía dos xornais ou 3) non te fixas no estante dos deuvedés que teñen detrás do mostrador de calquera Opencor.
Pocoyó é o pequeno da foto, que viste de azul e anda sempre a enredar e descubrir cousas novas na compaña dos seus amigos, un pato amarelo e unha elefanta rosa. As súas aventuras teñen un fondo branco e unha duración de 7 minutos que mesmo pode resultar longa para alguén cun ritmo de aprendizaxe superior ao dun neno de galescola. Pero entre eses nenos arrasa, tanto que a serie xa se emite en televisións de cen países e está entre os programas de preescolar máis vistos no Reino Unido, onde se venden milleiros de DVDs e xoguetes. Xa se sabe que cando un produto audiovisual infantil arrasa ábrese un inmenso camiño de negocio no merchandising. Pero os creadores deste primeiro fenómeno infantil do século XXI xa pensan en todas as plataformas posibles, que inclúen as consolas portátiles e internet. Saben que canto máis Pocoyó se vexa no Youtube máis sona adquirirá o produto. Proba diso é o vídeo que pegamos a continuación. Se te atopas entre os 3 casos do parágrafo anterior e es lector/a deste blog, xa non tes excusa:
Versión en portugués para o Brasil, a modo de exemplo. En España pódese ver na 2 de TVE. Na Galega aínda non.
Quen creou Pocoyó -e se está a forrar con el- é a xente de Zinkia Entertainment, produtora con sede en Madrid e Beijing, e en concreto un dos pais da criatura é o máis parecido que temos en Galiza a un rei Midas da animación: Manuel Cristóbal. El foi un dos responsábeis do éxito d’O bosque animado e O soño dunha noite de San Xoán durante a súa etapa como produtor executivo de Dygra Films, que compaxinou coa xerencia de Agapi, ata que en 2005 marchou traballar en Zinkia para parir proxectos como Pocoyó. Na actualidade traballa de novo na Coruña coa súa produtora Perro Verde Films, que este ano deu outro pelotazo con Gritos no corredor (Going Nuts), a primeira película do mundo feita con cacahuetes.
Por último, Cristóbal tamén está detrás do retorno á vida d’Os mortos van ás présas, a película de Ángel de la Cruz que se tivera que parar hai un ano en plena rodaxe por un fallo nos cálculos económicos da anterior produtora, Dygra Films. Con isto xa nos imos totalmente do tema, pero vén a conto porque hoxe, día de defuntos, púxose en marcha a web da película, que aproveita o tirón da polémica para promocionarse ben antes da súa estrea, e que está bastante ben. Nótase (por fin) que un executivo internet friendly intervén na produción.

2/11/2007 12:14
Artigo na wikipedia sobre Pocoyó: http://en.wikipedia.org/wiki/Pocoyo
5/11/2007 12:22
Zinkia está case no centro de Chueca. É curioso de ver porque é un baixo do que noutro día debeu ser unha boutique ou algo polo estilo. Con moitos escaparates que dan á rúa, se pasas por diante podes ver á xente traballando (se non correron as cortinas).
Moi interesante a comparación que fixo caspa.tv De la cultura de la subvención al éxito de Pocoyó.
5/11/2007 19:30
o video incluído non é versión para o brasil senón para portugal. é a que ven os ananos da casa no dvd.
a maior foi a que empezou coa febre no canal satélite.
o peque, de 7 meses e algo, quédase colgado mesmo dous e tres capítulos seguidos no dvd en portugués.
eles veno tamén en inglés.
pero cando estou eu teñen a deferencia de poñermo en portugués ou español que senón non me entero.