Chorar en primetime
O mércores é o día que máis horas traballo. Por iso resulta tan gratificante chegar á casa á noite, prender a tele, relaxarse e botarse a chorar. O causante é un señor idéntico a Carlos Sobera, presentador dun emocionantísimo e fermoso documental que se emite, por que non, no prime time da BBC1. Pero The Nature of Britain é moito máis ca un documental. Por iso me fai chorar.
Nature of Britain é un documental sobre, obviamente, natureza, que se organiza por ecosistemas. Non por estacións do ano, como esas telenovelas de hienas e gacelas que serven de promoción da sesta na tv ibérica, nin pola caza de especies concretas, nin por lugares. Dos oito programas, hoxe, por exemplo, falaron da costa, e foron saltando dun a outro ecosistema costeiro, mirando lontras á luz do día, baleas, gabitas, criaturiñas que viven na lama das desembocaduras ou ourizos que andan ás pulgas de auga pola praia ao caer da noite. As imaxes son espectaculares, si, pero foxen como da peste da cámara lenta, ese tipo de plano que tería que advertir, coma os miorrelaxantes, que pode provocar somnolencia.
O mellor e máis emocionante, con todo, son os últimos dez minutos. É aí cando fan desconexións territoriais e analizan o que fan grupos concretos de xente a prol da natureza aquí mesmo, a unhas poucas millas da miña casa. Hoxe tocoulle a quenda á xente que anda a coidar da poboación de arroaces do estuario de Moray: biólogos, vellos aborrecidos e nenos, como ese rapaciño de doce anos que todos os días sae de casa cos prismáticos e se pon a identificar golfiños pola aleta dorsal. Por que fas isto?, pregúntalle a xornalista que fai o programa pra Escocia. E o neno di: porque os adultos morren, e cando morran todos os adultos alguén terá que termar dos golfiños. Imposible non chorar…
A web do documental ten, consonte a iso, unha importante parte participativa: nela pódense localizar lugares onde ir a fin de semana a preparar niños pra anduriñas, pódense coñecer brigadas de veciños que limpan as praias de plásticos, ou granxas-escolas onde levar os nenos a que aprendan algo sobre bolboretas antes de que fodan na filla adolescente do veciño. Por suposto, tamén teñen merchandaisin, pero non adquiren aspecto de seita: estimulan a rede que xa hai, non crean unha nova. Peculiarmente, detrás da serie documental está a Open University.
Abofé, podedes mirarlle uns cantos vídeos no Tubo, subidos pola propia BBC.

8/11/2007 12:50
programas de cociña, Películas de Fieras…bravo!
8/11/2007 14:07
falta telemadrí
8/11/2007 18:24
No Guardian din descubrirlle os trucos.
8/11/2007 18:37
supoño que eu son do grupo de lobotomizados, conforme o Guardian…
8/11/2007 19:26
aínda non o lín, pero este é o home do programa do Cambio Radical de Xardíns de cando eu tiña People + Arts…era tan fan…
xa non teño People + Arts, a mellos canle do mundo
8/11/2007 20:06
People + Arts agora é un canal feminino. Nada que ver con aquela marcianada que botaban por aquí.