Os filmes do ditador
Son os ditadores bos directores? Esta é a pregunta que formula hoxe SlateV, revelándonos en imaxes a carreira como cineasta do incomparábel líder norcoreano, Kim Jong Il. Pulgasari é un deses mitos que tanto lle prestan ao blogueo friqui -ao que nos sumamos- e que non deixan de sorprender ao resto da humanidade. Na mula ha de estar.
Había un corte no youtube pero foi “removed by the user”. Da que si atopamos algún cacho é de Raza (1941), do argumentista Jaime de Andrade, máis coñecido no seu tempo como Su Excelencia. Nin de lonxe é tan divertida como a do seu colega coreano, pero entre un monstro tipo Godzilla e isto prefiro a Godzilla.
No Stage6 podedes vela enteira se tedes moita curiosidade histórica (pero moita). Polo mundo adiante hai máis vídeos, pero dame mal rollo buscalos: moitos deles están subidos con tags de cheiro fascista. E visto está que nestes tempos -e por estas datas- por estas datas certa mocedá empeza a meter medo. Viuse hai un mes no CQC español, pero os do CQC arxentino aínda lle deron unha reviravolta moito máis incómoda ao tema da hispanidá.
Por último, avecíñase un gran momento televisivo que é a morte de Franco en Cuéntame. Os Alcántara farán cola diante do Palacio de Oriente e en TVE preparan todo un especial. Para emitir o 6 de decembro, non vaia ser.