O que xurdia
Hai uns meses, a prensa marxinal gratuíta (e despois a menos gratuíta) facíase eco do que estaban a argallar uns rapaces gais de Valencia: unha microserie de ficción ao xeito de Queer as folk, titulada ‘Lo que surja‘. Ou sexa, un grupiño neste caso de adolescentes que nos contan por que non ligan, cómo gravan vídeos porno e se chantaxean entre si ou que problemas teñen pra saíren do armario en familias conservadoras. A súa distribución, por suposto, unicamente a través de internet. Mais iso está a mudar.
Meses despois, logo do suposto éxito de descargas e da evidente repercusión mediática, fixeron a segunda tempada, onde proseguían co errático fío argumental, seguían a perpetrar infames diálogos ou a sobreactuar (por dicir algo). Parte da súa graza é precisamente esta torpeza (ou esta frescura), aínda que os erros, empezando pola metavideocreación e acabando nas desequilibrantes camaxes, eran e son abondos. Agora anuncian a promoción do DVD con todos os cortes dos episodios subtitulados (aínda non unha ducia en total, duns 10 minutos cada un) e mais as tomas falsas, a música e as entrevistas de rigor, e ameazan con seguir nunha terceira tempada. A saída lóxica sería transformar estas curtas en accións de 40 minutos, suprimirlle o cutrerío e o encanto da rodaxe caseira, construír unha trama máis ou menos sensata e mudar os actores. Que quedaría entón de Lo que surja? Probablemente o acertadísimo nome, a promoción e un modelo de negocio.
Este é o tráiler da segunda tempada: