Queres unirte ao teleclube?

Posts publicados en Novembro de 2007

The Facebook Song

Isto é para dicir que o Teleclube tamén está no Facebook, e que algúns dos seus membros temos auténtico vicio. Tamén para presentarvos a Rhett e Link, que son simplemente xeniais.

Perdidos e desesperados

Este vídeo ten triple interese: 1) Coñecer de maneira clara e exemplificadora as razóns dos guionistas de Hollywood para iren á famosa folga. 2) Coñecer as caras e as voces -e as nais- dos que argallan algunhas das nosas series favoritas. Neste caso, Damon Lindelof (Lost) e Marc Cherry (Desperate Househives). Veñen dicindo algo coma isto:

Damon Lindelof: Ola, son Damon Lindelof, de Lost.

Marc Cherry: Son Marc Cherry, creador de Desperate Housewives.

D: Estamos aquí para facer un piquete diante da ABC, en Disney Road, porque cremos que os guionistas merecemos un contrato xusto. O mundo está cambiando e de aquí a cinco anos a única forma de ver televisión na túa casa será internet, e queremos manter o noso gremio vivo, quitando peniques dos dólares, con pequenos dereitos a cambio do noso traballo cando a xente os descarga.

M: A ABC fixo un traballo marabilloso creando ABC.com, onde ti podes simplemente ir e descargar un episodio case inmediatamente despois de ser emitido. Eles teñen publicidade en ABC.com, polo que fan cartos con isto, mentres que o guionista dese episodio en particular non recibe un peso.

VIVIMOS DOS NOSOS DEREITOS, MARC CHERRY HAI 7 ANOS

M: Estaba arruinado, pedíndolle cartos a miña nai. Algunha das persoas que non me contrataron están neste piquete e estou tentando manter a cordura na miña charla.

D: Eu tamén lle pedín cartos á nai de Marc.

M: Si, é unha señora moi xenerosa, teño que matela encerrada.

D: Si, é un bo partido. A realidade é que dentro de 5 anos no noso cuarto de estar haberá unha pantalla, que estará conectada a unha caixa. E iso é o que basicamente che vai proporcionar toda a túa televisión e películas. Agora esa caixa chámase DirecTV, ou TiVo, ou o que sexa. En cinco anos chamarase internet.

3) A última frase, que non é futuroloxía senón un convencemento o suficientemente real como para poñerse en folga. Aquí formular estas cuestións ante xente que pensa como hai un lustro pode chegar a ser frustrante, pero paciencia, que cinco anos pasan nun santiamén. E ademais o movemento só se demostra andando.

Chorar en primetime

O mércores é o día que máis horas traballo. Por iso resulta tan gratificante chegar á casa á noite, prender a tele, relaxarse e botarse a chorar. O causante é un señor idéntico a Carlos Sobera, presentador dun emocionantísimo e fermoso documental que se emite, por que non, no prime time da BBC1. Pero The Nature of Britain é moito máis ca un documental. Por iso me fai chorar.

Nature of Britain

Seguir lendo »

Posted in UK | 6 Comentarios »

A cociña da avoa

publicado o Mércores, 7 de Novembro, 2007 por orsinia

Grandma

Unha avoa británica e unha galega diferéncianse, basicamente, en que unha non tingue o pelo e a outra si. Pero iso é pataca minuta se nos metemos a falar de fogóns e pucheiros. Que cociña a avoa? é unha rede social para que xentiña de todas partes enviemos as receitas das nosas abuelas, ditas ou feitas por elas mesmas.

Vale ata que cha conten por teléfono, se contas co chintófano axeitado para pasala a MP3. Se a nosa avoa é galega ao mellor se perde algún matiz na preparación do caldo, nese caso moito mellor o vídeo: ou non molaba ver unha Ermitas de Arzúa compartindo pantalla con Nana Ruth de Lancaster ou Mémée Denise de Arles?

Os que tedes avoa e videocámara, xa estades a tardar.

Posted in Rede, UK | 7 Comentarios »

Demanda popular

publicado o Luns, 5 de Novembro, 2007 por granmimon


A xente esperando a que empece Lost

Na análise do consumo popular ten cada vez máis importancia os programas de televisión que se comparten en Internet. O problema é que non vai ser fácil medilo coa precisión coa que se miden outros. O New York Times publica, por exemplo, unha listaxe de acceso ás webs, que non serviría para aportar datos reais de consumo pero si unha aproximación aos rankings de interese dos usuarios.

A web do Mira quien baila americano (Dancing with the stars, ABC) arrasa coa mesma intensidade có seu programa, e Gossip Girl, a miña rookie favorita do ano, colócase no Top10 pese a que se emite nunha canle moi nova, The CWTV, e destinada a un público moi xoven.

Posted in Rede | 1 Comentario »

Página 2

publicado o Domingo, 4 de Novembro, 2007 por orsinia

Un ximnasio. Unha piscina. Un quirófano. Unha rúa. Un set de televisión. O claustro dun convento. O barrio gótico de Barcelona. Todos estes e uns poucos máis foron os escenarios do primeiro programa de Página 2, que estreou a 2 este domingo. Javier Rioyo e todos os que rabearon pola abrupta retirada de Estravagario débense retorcer no asento derrotados pola proposta divertida, moderna, bonita e para todos os públicos que fai o seu programa substituto, que para empezar ten un horario moito máis decente. Oxalá lle dure.

Eu esperaba outra pedantada de baixo presuposto baseada en entrevistas de plató a escritores, así que nin tiña pensado velo. Pero esta promo fíxome cambiar de idea:

http://www.youtube.com/watch?v=OsSEGv2aapo

O presentador, Óscar López, comeza dicindo que a primeira entrevista é unha declaración de intencións. Pero non só. Ademais do autor do maior best-seller español dos últimos tempos, no primeiro programa aparece Buenafuente, fálase de Blade Runner e do bookcrossing e fálase sen pudor dos libros máis vendidos, dos que le a xente á que lle gusta ler nos metros e demais. Pero tamén se recomenda con criterio. E sen pontificar. E pídense as suxerencias e as preguntas dos lectores. E é agradábel de ver (parece algo obvio pero quen lles dera a moitos).

E ten unha web estupenda na que podedes repescar este primeiro programa, enteiro ou por cachos.  

Posted in España | 8 Comentarios »

Gay Friday

publicado o Domingo, 4 de Novembro, 2007 por orsinia

http://www.youtube.com/watch?v=LE9D-ecdCTc

Ninguén nos pediu unha recomendación de Halloween, pero se así fose a miña, sen dúbida, sería esta. Cada un dos 13 capítulos paga a pena, e ningún dura máis de medio minuto.

Visto en Boing Boing TV. Había máis onde escoller.   

Posted in Rede | Sen Comentarios »

O milagre Pocoyó

publicado o Venres, 2 de Novembro, 2007 por orsinia

Pocoyo

Moita xente di que a maioría da televisión parece estar feita para (ou por) nenos de 2 anos. Pero o certo é que hai moi poucos programas para nenos de 2 anos, esa idade na que os cativos empezan a falar e a recoñecer as cousas e darlles nome. Dende a aparición dos Teletubbies hai unha década non coñecemos outro fenómeno global preescolar semellante ata a chegada de Pocoyó. Se aínda non sabes del é que 1) non tes nenos pequenos, 2) non les a sección de economía dos xornais ou 3) non te fixas no estante dos deuvedés que teñen detrás do mostrador de calquera Opencor. Seguir lendo »

Posted in España, cinema | 3 Comentarios »