Queres unirte ao teleclube?

Gorevisión: o que poderían ter sido as teles locais e non se atreveron


Dandys ferroláns

Onte á noite re-presentouse Gorevisión, un programa que foi emitido nunha televisión local de Narón hai 14 anos e volta para pertenecer ao catálogo infinito de internet. Gorevisión representa mellor ca ninguén a idea que moitos tiñamos do que podería ser unha televisión local: a evolución lóxica das radios piratas que naceron nos últimos 80. Non foi así. As televisións locais do momento foron compradas por grupos de comunicación que nunca souberon que facer con elas. Hoxe forman parte dun cementerio de oportunidades: as máis desaproveitadas á hora de renovar formatos na tele do noso país.

 


Peiteado doutro século.

Gustavo Harvey explícanos o concepto Gorevisión:

Ás veces as pequenas historias pérdense no esquecemento máis inxusto, ese que impón o paso do tempo. Algunha que outra vez téñome descuberto en liortas dialécticas nas que se encomiaba ou criticaba (sempre con exceso) a pegada que na Historia da Música tiña deixado unha ou outra movida. Evidentemente non falo de Manchester ou Nova Iorque nin sequera do CBGB ou La Hacienda, falo do país, do noso, este que pouco a pouco vai perdendo o medo a ter as súas propias iconas alén do político.


Ambiente insano

O Ferrol de comezo dos 90 era un terreo ermo, un pobo que vivía, e creo que aínda sigue vivindo, a súa travesía no deserto. Os anos 80 coas súas reconversións e as perigosas adiccións remataron por asolagar o sono inxenuo da meirande parte da xuventude na bisbarra de Trasancos. Foron anos de loita social, de autoxestión cultural e de desgaste psicolóxico que, finalmente, afectaron de xeito definitivo a toda unha xeración que nunca volveu ser a mesma. A capacidade de soñar, de crer no propio destino de seu ficou castrada por sucesivos gobernos, sempre afastados no espazo e no humano.


O botixo é como a taza de Pepe Navarro

Seguro que máis dun/ha, noutro lado da Galiza estará lendo estas liñas e tomándoas como sensacións de seu, sen por iso ter nacido na Costa Ártabra. Aqueles foron anos duros para todas/os, non vamos competir en sufrimento, xa que o realmente importante de todo este soliloquio é a flor que creceu entre o xurro, o oasis no deserto que como por unha milagre inexplicábel abrollou no medio da nada.

Iso, o pedazo de pan na mesa do pobre, o amor no tempo de guerra foi o que supuxo GOREVISION para moita xente nova na Terra de Trasancos. Unha pequena bafarada de ar fresco na irrespirábel atmosfera do catastrofismo. Unha manchea de tolos encantadores colaborando para crear un programa de televisión que agromase todo aquilo do que gustaban. Música,cinema e toda clase de frikismo naïf tivo cabida nun espazo libertario na tv local de Narón e en horario prime time.


Mirada adusta dun comunicador

36 xoias da improvisación, a diversión e a sorpresa constante. Un traballo de contidos, máis piratas que o emule, co que conseguiron animar, mentres o meteoro brillou, a toda unha xeración. De Santiago Segura ata Najwa Nimri, de Diplomáticos a Killer Barbies, GOREVISION é a crónica dunha época, un catálogo de propósitos e despropósitos que só uns poucos privilexiados tiveron a oportunidade de ver e que, agora, grazas ás novas tecnoloxías, estará dispoñíbel en formato dixital pola rede. Un programa semanal coincidindo no tempo co seu 14º aniversario, unha aventura que comeza este vindeiro 27 de decembro. Podes gustar ou non pero seguro que non ficarás indiferente ante tanto documento histórico. O cutre tamén pode ser, e de feito é, algo imprescindíbel para mellor coñecer o noso pasado e saber afrontar os retos do futuro.

É a hora, xa chegou…. GOREVISION, A TÚA DIVERSIÓN!

Todos os xoves ás 21.30 un novo episodio de Gorevisión.

http://gorevisiontv.blogspot.com

Máis info: http//www.asmuxicas.com/gorevision.htm

E01s01

Deixa un comentario