Queres unirte ao teleclube?

As palabras volven á televisión

Cifras e letras non está mal -como calquera cousa que presenten Paco Lodeiro ou Elisenda Roca- pero non deixa de ter ese aire entre académico e crucigrameiro tan propio do formato e que tan ben lle acaían a Octavio Iglesias ou a Yolanda Castaño. O que se leva agora é devolverlles ás palabras esa vida que os engolados presentadores do século XX lles quitaron e pousalas de novo no laboratorio que as viu nacer, que é a rúa. Albízaras: o vindeiro luns volve á TV3 Caçadors de Paraules.

Caçadors de Paraules é un programa que colleu o formato do exitoso Caçadors de Bolets (del saíu tamén o Hai que mollarse galego), substituíndo os cogumelos polo idioma catalán. Emitiuse tamén no access prime time (ás 21:30h) e acadou un share estupendo, malia falar de algo a priori tan aburrido como o idioma catalán, ou calquera outro idioma. O segredo estaba no sentido do humor, nun presentador moi simpático e, quizais o máis importante, na división temática das 13 emisións: un día era o fútbol, outro o sexo, outro os insultos, outro a relixión, outro os ciganos… e en todos, a lingua. Que vai ti saber, se cadra era iso o que realmente lles interesaba aos cataláns.

Estamos diante do típico programa que “xa podía copiar a TVG”, e abofé que si, pero iso xa non é cousa nosa. Se quixesen probar algo máis barato, e a un horario menos exposto, tampouco viña mal copiar Palabra por palabra, que é do máis humilde que hai nas nosas grellas. Moitos non sabiamos da súa existencia ata hai moi pouquiño: tampouco é que sexamos asiduos á 2 ou ao Canal Internacional de TVE. Pero fíxonos graza ver que os seus presentadores son Francine Galvez (quen non lembra aquel programa de culto?) e o galego Xosé Castro Roig, un vello coñecido en internet polo seu Diccionario Portera-Español, Español-Portera, que xa declaraba intencións: a lingua está para xogar con ela e tomala con humor.

O programa prodúceo a Aula de Lingua do Centro Virtual Cervantes e trátase dun entretido concurso máis barato aínda que o Smonka: os premios van dende un dicionario María Moliner (cortesía da Editorial Gredos) ata unha fin de semana no Gran Hotel Balneario de Puente Viesgo (Cantabria), a onde os gañadores se desprazan en tren por cortesía de Renfe. E o que queira cartos que vaia a Pasapalabra.

No Teleclube parécenos moi ben todo isto de importar formatos, pero o que realmente nos gustaría é que alguén nalgún medio público, ou privado non-dixital, se atrevese a falar da Touripedia. Sen medo a que o despedisen ao día seguinte, claro. Ese é o noso desexo para o 2008. Porque hai certas cousas que cambiaron bastante pouco. E porque se de cazar palabras falamos, o do presi si que é puntería.

Touripedia

Un comentario a “As palabras volven á televisión

  • 1
    mourullo
    4/01/2008 12:34

    O programa comezou o 8 de xaneiro de 2007 e para o Sant Jordi (23 de abril) xa tiña libro mediático. Por certo, un dos máis vendidos nesa data.

    O día que Caçadors de paraules abordou o sexo, TV3 retrasou a emisión do programa. O crítico de televisión do Periódico dubidaba se é que certas palabras como penis, parrús ou conillet só se poden escoitar a partir de certas horas ou se o retraso foi unha estratexia para incitar e ter máis audiencia.

Deixa un comentario