Como facer un reality con castros e mámoas
De volta ao meu país logo dun mes de bater a zoca por aí adiante, desfago as maletas, rescato algún sobrevivinte da neveira e enchúfome á televisión… Ah, canto a botei en menos!! Pra esta noite agárdame un programa dobre de realitis: un documental de base arqueolóxica (literalmente arqueolóxica) e un concurso de fotografía con flickr como patrocinador. Meudeus, canto tempo estiven fóra?
Un galego non pode rematar de ver Time Team e non imaxinar inmediatamente o equipo de televisión sobre os cascallos de Castromao ou San Cibrán de Las. A mecánica é bastante sinxela, como a de todos os realiti-documentais: pártese dun acontecemento (a descuberta, grazas a uns sensores xeofísicos de calor, dunha especie de muros subterráneos que ben podían ser dun mauseoleo) e grávase a escavación. Os de televisión correndo de aquí pra aló entre os arqueólogos, estes flipando con cada achado dunha moeda de vinte peniques da época, uns presentadores histriónicos e xeniais e, o que é máis importante, a discusión dos non-exactamente-expertos sobre a escavación. Si, estamos falando de workspotting: non, agora fura por aí… o que lle conviña era levantar un murete… qué mágoa non lle poder meter algo de bloque… aínda lle vai vir abaixo… pois vese que a terra é boa…
Por que non facer unha serie de sete episodios en Galicia? Non podía Patrimonio patrocinar deste xeito a escavación de Viladonga? Non se imaxinan vostedes a un guapo rapazote de barba sinalando a toxeira de San Cibrán de Las e dicindo “por aí debería baixar a muralla, imos descubrilo!!”. Os tesouros agochados de Dombate, as termas de Lugo, as mámoas de Maus de Salas, Santa Tegra, os petroglifos de Campolameiro… Sempre hai sitio por onde furar, en todos os sentidos. E por suposto, todo feito coa mínima voz en off, sen mapas nin leccións de historia, porque pra iso todo xa está a web do programa.
Eu tamén quero ser fotógrafo
O segundo reality, Picture This, é o clásico concurso pra facer unha carreira, subtitulado un sitio amigable pra mellorar as túas fotos. O premio, o financiamento dun book. Os candidatos, fotógrafos máis ou menos afeccionados que teñen que traballar sobre tres temas dados e que un xurado avalía. Nos tempos en que todos somos fotógrafos, pode resultar moi interesante, aínda que a dinámica televisiva, no fondo, sexa a mesma cá de Factor X sen cancións ou cá de Fama sen baile: algo sosota. Iso si, en liña con esta máxima de aquí todos facemos fotos, patrocina o programa flickr, e nótase. A web é un auténtico flickr onde subir as túas fotos e exporte ao comentario xeral, un trampolín gráfico (suposto) pra todos aqueles que non tiveron sorte de ser seleccionados pró programa, con briconsellos, galerías e etc.
16/01/2008 11:30
E Lugo un inmenso plato’