Queres unirte ao teleclube?

Debates, debatiños e debatazos

Esta semana emitiuse dende a miña pequena vila escocesa un programa de debate político, Question Time, un clásico da televisión británica que leva en antena 29 anos. 29 anos de discusión política en horario nocturno, e onde participan o pobo e as xentes desta illa. As comparacións cos encorsetados debates das televisións españolas son inevitábeis.

Question Time StirlingCando o xoves anterior anunciaron que Question Time se rodaría esta semana na miña vila, deron o teléfono e o enderezo web pra que o público que quixese fose e participase. Eu dubideino: a experiencia parecíame moi emocionante, pero o meu nivel de inglés non me daba seguridade. Mais algúns amigos quixeron participar e non puideron: incluso na miña pequena vila hai llollas por entrar no debate. Que ten pois de particular?

Question Time significa máis ou menos sesión de control, e correspóndese con esas xornadas parlamentarias onde os deputados lle fan preguntas insidiosas ao goberno. E isto é máis ou menos así, pero o parlamento é o pobo, e o goberno son algúns políticos e non políticos. Vaiamos primeiro co público: vellos, vellas, rapazas novas, negros, indios, chineses, friquis sindicalistas, mineiros cos dentes caídos, señores de oitenta anos con grabatas multicolores… Xente da vila onde esa semana rodan o programa, que pregunta cousas realmente interesantes e dunha forma breve. Xente que leva anos vendo debates na tele e que actúa da forma máis democrática posíbel: buscando coñecer a verdade e premiando co aplauso ou castigando co apupo en semidirecto. Algunhas preguntas pertencen a unha batería inicial que a produción do programa selecciona para marcar bloques de contidos; outras, simplemente, saen sobre a marcha.

O goberno: sempre hai algúns políticos, pero non teñen que estar todos os partidos. De feito, normalmente non están todos os partidos. Hai algún político local, algún ministro, quizais non un ministro senón un aspirante a ministro, ex-políticos, políticos de formacións moi minoritarias, etc… Todos falan con liberdade, se ben máis os ex-políticos cós políticos en activo, e fano de forma directa e breve: saben que non teñen moito tempo, e que o peor que poden facer é aborrecer o espectador. Non todos responden todas as preguntas: o moderador (David Dimbleby dende 1994) dirixe as cuestións do público ao político que máis lle interesa. Ou ao intelectual, porque na mesma mesa sentan adoito xornalistas, escritores, cociñeiros, músicos indios… xente representativa da vila onde están a rodar.

O moderador, ademais, modera: non mide os tempos con precisión, pero corta drasticamente os discursos e pronuncia frases que fan sentir a un orgulloso da televisión británica: “desculpe, señor ministro, non estamos en campaña. Se non contesta inmediatamente ao que lle pregunta esa vella, quítolle a palabra”. O resultado é un programa dinámico, onde se fala de todo e onde os políticos van a sobrevivir, non a dar paseos triunfais con colchoneta e proteccións. E como pasa todas as semanas, non flipamos cando, unha vez á década, se xuntan tres líderes nun hotel. Así se constrúe a democracia, coa axuda dun repoñedor do meu súper, que preguntou sobre a situación en Iraq.

Deixa un comentario