A Tate
Grazas á xenerosidade dos meus amigos Henri e Cimbalaria, chégame ao correo unha caixa cos tres DVDs do show de Catherine Tate, unha humorista británica que no último lustro reiventou a crítica social dende unha perspectiva moi incisiva e irreverente. E cando digo irreverente non estou pensando no humor divertido, pero zafio, de Little Britain, senón nalgo bastante máis delicado e, por iso, perigoso. Anque claro, no humor británico non pode faltar que, de cando en cando, unha vella bote peidos.
O show de Catherine Tate tivo, ata o de agora, tres tempadas (2004, 2005 e 2006). A actriz, que fai sempre un papel nos sketches, vai pasando de personaxe a personaxe, a maior parte deles constantes e repetidos de forma discrecional ao longo das distintas emisións de carácter semanal. Todos teñen retrousos que os marcan e os definen, e algúns deles (I ain’t bovvered, p.ex.) están propostos pra incorporarse aos dicionarios oficiosos do inglés británico.
Tate encárgase de darlle vida á parella de clase media racista que se indigna coas comidas dos novos restaurantes, á vella caprichosa añorante dos vellos tempos, á nai norteirlandesa hiperorgullosa do seu fillo gai, á estudante descerebrada ou á ecoloxista de newcastle que se encarga de recoller fondos pra causas absurdas, nunha sabia parodia dun dos fenómenos máis relevantes da sociedade británica. Tamén fai chanza dos programas de telerrealidade, con esa señora que coñece por internet e casa cun caníbal condenado a morte de Texas, ou dos movementos sociais, coa persecución e descriminación dos rubios. Nesa crítica non é desprezábel o valor lingüístico: a cada fala a súa clase e a cada clase o seu rexistro, nun universo de matices que debería traballarse en moitas clases de inglés.
Destacarei tres sketches. Este primeiro é de Derek, un vello efeminado a quen todo o mundo toma por gai, durante as súas vacacións en España:
Estoutro é sobre funcionarios, e en concreto unha que sempre quere facer que os demais adiviñen cousas:
E este último é da Aga Saga, unha familia inglesa superposh que entra en crise cando se acaba o aceite de oliva, cando teñen que alugar o coche ou cando se meten por erro no barrio londiniense de Tottenham. Este sketch, en concreto, é moi sinxelo de entender.
27/04/2008 23:54
Ten boa pinta, abofé