Queres unirte ao teleclube?

chapuzas

Un dos aspectos máis desacougantes da cultura británica é a rectitude moral que leva á delación. Así, non deixa de ser arrepiante un programa como Rogue Traders, que busca acabarlle coa vida persoal, social e laboral a fontaneiros, cerralleiros, carpinteiros e electricistas que non traballan ao xeito. Sería un formato así exportable a Galicia?

Rogue Traders significa, entre outras cousas, algo así como “Chapuzas galopíns” o que sen dúbida non é un título moi comercial pra un programa de televisión. Pero o seu esquema é moi sinxelo. O equipo do programa recibe unha chamada dun ou dunha clienta escandalizada polo prezo ou pola calidade dunha reparación do fogar. O equipo ponse en marcha e téndelle unha trampa ao fontaneiro, electricista ou albanel que sexa, simulando nun contorno real unha avaría como a que foi obxecto de denuncia. Todo isto fílmase con ducias de cámaras secretas, obviamente.

O paisaniño fai a súa galopinada (fura o cerrollo cando non era necesario, cambia o magnetotérmico cando non estaba avariado, cobra un depósito de 250 libras por unha válvula de gas que non cumpría, ou desmonta unha caldeira de calefacción sen estar debidamente autorizado pra facelo). Ao mesmo tempo que vemos o galopín actuar, un especialista oculto vai comentando: “o cerrollo non tiña mal, animal!”, “ese magnetotérmico tiraba aínda dez anos máis, xurafaz!” ou “que vergoña que se chame a si mesmo fontaneiro”.

Despois, os presentadores, un simpático inglés e un machomán portugués chamado Dan Penteado, inician a persecución ata que acaban acurralando o fontaneiro, esixíndolle que devolva o depósito, ou levando unha banda de música a unha oficina secreta nas aforas de Londres onde teñen o chiringuito montado. Ben, en realidade a cousa non acaba aí, porque o equipo do programa emprende accións legais e acaba coa carreira do recolledor de cascallo que logo o queima nun monte, ou manda ao caldeiro (si, ao caldeiro) ao fontaneiro que opera cun número de licenza falsificado.

A que mete medo? Sería posible esta policía de chapuzas en Galicia? O formato é moi divertido. Pero con todo ten algún problema: o primeiro, que xera bastante xenofobia, posto que os piratiñas do aire son mormente polacos, turcos, árabes, indios, e os especialistas fontaneiros que están comentando a xogada teñen todas as consonantes do inglés de oxbridge e algunha máis. E o segundo, e quizais máis impresionante, é que esta é xa a sétima temporada de éxito do programa en televisión e aínda quedan, por exemplo, uns 20.000 instaladores de gas sen licenza no Reino Unido. Ah, por suposto, é un programa do primeiro canal da televisión pública.

3 Comentarios a “chapuzas

  • 1
    alema
    4/12/2008 23:41

    que pasada de formato!
    que o compre a TVG xa! :D …que aquí non habería problemas de xenofobia :D

    parabéns por resucitar este espazo…! falta fai ;-)

  • 2
    chimpin
    5/12/2008 00:02

    Este programa é un dos protagonistas do primeiro capítulo da terceira tempada da série The I.T.Crowd que se emite actualmente no Channel 4 Por eses lares.

  • 3
    teleadicto
    25/02/2009 22:07

    Falta no pé de foto:
    Paco Rodríguez arranxando un interruptor.

Deixa un comentario