Queres unirte ao teleclube?

Posts da categoría: 'Rede'

Season Finale

Quedan menos de dúas semanas para vermos o season finale máis agardado dos últimos tempos (e non é o derradeiro, que quedan outras dúas temporadas por diante adeusgrazas), que é There’s No Place Like Home, part 2 and 3, da mellor serie dramática da historia. Por fin nos atrevemos a dicir isto, con permiso dos Soprano.

Oceanic 6

Maneiras de levar a espera?  Podemos pensar que cociñar ese venres pola noite ou ler algunha das reviews de There’s No Place Like Home, part 1. Recomendo a de James Poniewozik na Time, a do New York Magazine e sobre todo a do Entertainment Weekly, publicación que me levou a unha estupenda fotogalería onde se repasan os mellores season finales das series americanas. Encantoume recordar unha que foi especialmente impactante na miña infancia: aquela de Dinastía na que Amanda casa co príncipe de Moldavia e no medio da voda entran uns terroristas e matan (en apariencia) a todo quisque. Dende aquela para min pensar en Moldavia era sinónimo de estremecemento. Até que chegou o Numa Numa Iei.

Moldavian Massacre

Por último tamén quixera aproveitar estes días para ver se son capaz de ler e entender de todo a Time Loop Theory, para ver a onde carallo acabará John Locke movendo a illa, se é que o consegue. Saberémolo o 29 de maio. Mentres, non me queda outra que seguir pensando, pois a ocasión ben o merece: que facer ese día para cear?

Gorevisión: o que poderían ter sido as teles locais e non se atreveron


Dandys ferroláns

Onte á noite re-presentouse Gorevisión, un programa que foi emitido nunha televisión local de Narón hai 14 anos e volta para pertenecer ao catálogo infinito de internet. Gorevisión representa mellor ca ninguén a idea que moitos tiñamos do que podería ser unha televisión local: a evolución lóxica das radios piratas que naceron nos últimos 80. Non foi así. As televisións locais do momento foron compradas por grupos de comunicación que nunca souberon que facer con elas. Hoxe forman parte dun cementerio de oportunidades: as máis desaproveitadas á hora de renovar formatos na tele do noso país.

 


Peiteado doutro século.

Gustavo Harvey explícanos o concepto Gorevisión:
Seguir lendo »

Feliz baile

E se a alguén non lle entran ganas de botarse á rúa, ou cando menos un mínimo espírito de nadal ao ver isto, é que non ten remedio. Nin entrañas nin corazón.

Felices festas. No 2008 queremos vervos a todos bailar.

Posted in Rede, USA | Sen Comentarios »

Búlgaro o que non choute (en Eurovisión)

publicado o Luns, 17 de Decembro, 2007 por cesare

O-ZoneNos últimos tempos, Eurovisión, o maior acontecemento paneuropeo de carácter anual (a eurocopa de fútbol xógase só cada catro anos), vén recibindo numerosas críticas dos veteranos fans occidentais por conta dun suposto compló eslavista. Coincide iso coa aparición dun claro racismo antieslavo que se respira no oeste do continente, dende as grandes áreas urbanas da periferia madrileña ata o mito do fontaneiro polaco. O último paso, a suposta participación en Eurovisión 2008 dunha cantiga propedófila representando a Moldavia.
Seguir lendo »

Posted in Rede | 7 Comentarios »

Constanza somos todos

publicado o Mércores, 5 de Decembro, 2007 por granmimon

Myspace Transmissions

 

George Constanza nunca aparca en garaxes de pago. Déixallo claro a Elaine cando, despois de dar voltas por Nova York buscando unha praza, confesa: “Na miña familia non pagamos por nada que se poida conseguir gratis cun pouco de esforzo. Por eso meu pai nunca foi de putas e eu non pago aparcamento.” A filosofía Constanza é aplicable ao internauta de hoxe. Ninguén pagará por contidos que cun pouco de paciencia se poden atopar de balde.

Nesa carreira televisiva da que xa se falou aquí e na que se están tomando posicións para o 2008, MySpace fixo un movemento falso para avanzar cinco casillas. MySpace.tv parecía unha copia de Youtube aproveitando a rede social da que dispoñía. O problema para que esto nunca tivese o éxito proposto era (aparte de que o modelo xa estaba inventado) que o usuario de MySpace o é de moitas outras ferramentas que usa como dios lle dá a entender e a súa fidelidade a MySpace é relativa.

Pero MySpace.tv era, en realidade, un paso en falso para a creación dunha nova canle, programa, aproveitamento networqsocial ou como queiran chamarlle: O MySpace Transmissions. A importancia de MySpace na revolución musical destes dous últimos anos é tan grande como puido selo a MTV no seu día, así que a deriva lóxica de dispoñer de millóns de usuarios que fan música e usan a túa ferramenta para difundila é crear unha canle de vídeo específica.

A idea de MySpace Transmissions é seguramente a que anda buscando a MTV. Entrevistas exclusivas a estrelas , presentación de vídeos ao mundo, e o que é máis importante e representa un camiño por explorar: actuacións en directo, miniconcertos, o que sería unha nova versión de unplugged, os Take away shows para popstars.

Esta podería ser unha das mellores ideas do ano se non fose porque todo esto quere ser de pago. MySpace Transmissions nace cun principio estratéxico torto: ofrecer un catálogo de putas e parkings aos Constanza do mundo. Xa sei que o iTunes foi un éxito sen precedentes, que hai moita xente que xoga ao poker online e que o porno ten unha vía de negocio importantísima na rede, pero os servicios e ferramentas máis rendibles a longo prazo son os gratuítos, os que usa todo dios, os que o Constanza identifica como gratis total e onde se pode atopar de todo.

E tampouco creo que Enjuto Mojamuto sexa moito de pagar.

Posted in Rede | 1 Comentario »

O que xurdia

publicado o Venres, 30 de Novembro, 2007 por cesare

O que xurdaHai uns meses, a prensa marxinal gratuíta (e despois a menos gratuíta) facíase eco do que estaban a argallar uns rapaces gais de Valencia: unha microserie de ficción ao xeito de Queer as folk, titulada ‘Lo que surja‘. Ou sexa, un grupiño neste caso de adolescentes que nos contan por que non ligan, cómo gravan vídeos porno e se chantaxean entre si ou que problemas teñen pra saíren do armario en familias conservadoras. A súa distribución, por suposto, unicamente a través de internet. Mais iso está a mudar.

Seguir lendo »

Posted in Rede | Sen Comentarios »

O caso Quarterlife

publicado o Luns, 19 de Novembro, 2007 por orsinia

E atención á noticia da semana: hai uns días comentabamos aí á dereita que os creadores de Trinta e Tantos e Esta é a miña vida pasaban da industria televisiva e facían unha serie só para internet. Pois pouco lles durou o enfado, porque a NBC acaba de anunciar a compra de Quarterlife logo de que se emitisen tan só 3 capítulos na rede. A serie pasará dos 8 minutos por capítulo en MySpace aos 42 necesarios para un broadcasting convencional. Non deixa de ser irónica esta viraxe de perrencha a pelotazo en menos dunha semana, e mesmo ten un certo cheiro a operación de marketing, en plena folga de creadores. Pero si que supón un gran chanzo para demostralle á industria que ten por diante unha chea de posibilidades.

Aquí tedes o primeiro capítulo. De novo, o videoblogueo marca o estilo da serie. E como me mola que a prota teña un portatil igualiño ao que está publicando este post.

http://www.youtube.com/watch?v=lSeazwhILo4

Posted in Rede, USA, series | 1 Comentario »

The Facebook Song

publicado o Domingo, 11 de Novembro, 2007 por orsinia

http://www.youtube.com/watch?v=rSnXE2791yg

Isto é para dicir que o Teleclube tamén está no Facebook, e que algúns dos seus membros temos auténtico vicio. Tamén para presentarvos a Rhett e Link, que son simplemente xeniais.

Posted in Rede | 1 Comentario »

A cociña da avoa

publicado o Mércores, 7 de Novembro, 2007 por orsinia

Grandma

Unha avoa británica e unha galega diferéncianse, basicamente, en que unha non tingue o pelo e a outra si. Pero iso é pataca minuta se nos metemos a falar de fogóns e pucheiros. Que cociña a avoa? é unha rede social para que xentiña de todas partes enviemos as receitas das nosas abuelas, ditas ou feitas por elas mesmas.

Vale ata que cha conten por teléfono, se contas co chintófano axeitado para pasala a MP3. Se a nosa avoa é galega ao mellor se perde algún matiz na preparación do caldo, nese caso moito mellor o vídeo: ou non molaba ver unha Ermitas de Arzúa compartindo pantalla con Nana Ruth de Lancaster ou Mémée Denise de Arles?

Os que tedes avoa e videocámara, xa estades a tardar.

Posted in Rede, UK | 7 Comentarios »

Demanda popular

publicado o Luns, 5 de Novembro, 2007 por granmimon


A xente esperando a que empece Lost

Na análise do consumo popular ten cada vez máis importancia os programas de televisión que se comparten en Internet. O problema é que non vai ser fácil medilo coa precisión coa que se miden outros. O New York Times publica, por exemplo, unha listaxe de acceso ás webs, que non serviría para aportar datos reais de consumo pero si unha aproximación aos rankings de interese dos usuarios.

A web do Mira quien baila americano (Dancing with the stars, ABC) arrasa coa mesma intensidade có seu programa, e Gossip Girl, a miña rookie favorita do ano, colócase no Top10 pese a que se emite nunha canle moi nova, The CWTV, e destinada a un público moi xoven.

Posted in Rede | 1 Comentario »