Página 2
Un ximnasio. Unha piscina. Un quirófano. Unha rúa. Un set de televisión. O claustro dun convento. O barrio gótico de Barcelona. Todos estes e uns poucos máis foron os escenarios do primeiro programa de Página 2, que estreou a 2 este domingo. Javier Rioyo e todos os que rabearon pola abrupta retirada de Estravagario débense retorcer no asento derrotados pola proposta divertida, moderna, bonita e para todos os públicos que fai o seu programa substituto, que para empezar ten un horario moito máis decente. Oxalá lle dure.
Eu esperaba outra pedantada de baixo presuposto baseada en entrevistas de plató a escritores, así que nin tiña pensado velo. Pero esta promo fíxome cambiar de idea:
O presentador, Óscar López, comeza dicindo que a primeira entrevista é unha declaración de intencións. Pero non só. Ademais do autor do maior best-seller español dos últimos tempos, no primeiro programa aparece Buenafuente, fálase de Blade Runner e do bookcrossing e fálase sen pudor dos libros máis vendidos, dos que le a xente á que lle gusta ler nos metros e demais. Pero tamén se recomenda con criterio. E sen pontificar. E pídense as suxerencias e as preguntas dos lectores. E é agradábel de ver (parece algo obvio pero quen lles dera a moitos).
E ten unha web estupenda na que podedes repescar este primeiro programa, enteiro ou por cachos.
